Un novo equipamento vén a sumarse ao impulso da humanización do campus universitario da Xunqueira. É unha estación de reparación de bicicletas, coa que os responsables educativos queren promover o uso destes vehículos como medio de transporte.
Esta estación instalouse no acceso á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Conta cunha serie de ferramentas que permiten realizar diferentes axustes e arranxos nestes vehículos e pode ser usada por calquera persoa, sexa estudante ou non.
Permite tanto axustar a presión das rodas como, a través dun xogo de ferramentas e dos brazos dos que dispón elevar a bicicleta, realizar diferentes reparacións, desde axustar a cadea e o asento, ata montar ou desmontar rodas.
É o primeiro punto destas características que hai na cidade e forma parte das iniciativas da Universidade de Vigo para completar o mobiliario urbano do campus.