Máis humanización no campus: 'skate-park', punto de recarga de coches eléctricos e un novo ximnasio

Pontevedra
27 de maio 2021

As actuacións para avanzar no plan de humanización do campus non se deteñen. O obxectivo da Universidade de Vigo é que o campus da Xunqueira sexa un espazo "máis vivible e máis visitable", segundo explicou o seu reitor, Manuel Reigosa

Jorge Soto, Manuel Reigosa e Mónica Valderrama no Consello do Campus
Jorge Soto, Manuel Reigosa e Mónica Valderrama no Consello do Campus / Universidade de Vigo

As actuacións para avanzar no plan de humanización do campus non se deteñen. O obxectivo da Universidade de Vigo é que o campus da Xunqueira sexa un espazo "máis vivible e máis visitable", segundo explicou o seu reitor, Manuel Reigosa.

Así, tras a recente instalación dun parque de calistenia e dunha estación de reparación de bicicletas, as autoridades educativas xa teñen en marcha novos proxectos.

O reitor avanzou ante o Consello do Campus celebrado este mércores que "están a piques" de completarse os trámites para a creación do novo ximnasio que haberá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Ademais, a Universidade e o Concello xa asinaron xa o convenio polo que a institución académica cederá a parcela na que se construirá un 'skate-park', que estará situado na entrada do campus universitario e que executará o goberno municipal.

Os responsables deste proxecto para a humanización do campus tamén teñen previsto instalar un punto de recarga para vehículos eléctricos e un servizo de bicicletas eléctricas que poderán empregar todos os membros da comunidade educativa.

A Universidade de Vigo seguirá traballando neste ámbito para fortalecer o proxecto do Green Campus, para o que encargará un estudo para abordar novas actuacións.