A universidade valora o efecto "positivo" que terá o skatepark ao "revitalizar" o campus

Pontevedra
31 de maio 2017

O vicerreitor de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho, aplaude que o 'skatepark' que se proxecta na cidade se instale finalmente no campus da Xunqueira. Asegura que "todo o que sexa traer vida ao campus e ás súas instalacións é de agradecer" e o 'skatepark' terá un efecto positivo ao "revitalizar" a zona, un enclave que considera "privilexiado", coa Illa das Esculturas á beira

Facultade de Comunicación
Facultade de Comunicación

O vicerreitor de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho, aplaude que o 'skatepark' que se proxecta na cidade se instale finalmente no campus da Xunqueira, unha proposta para a que chegaron a un acordo o Concello e a institución académica. 

Segundo explicou, aínda non hai data para a sinatura do convenio. A estrutura estaría situada na parcela de entrada ao recinto universitario, desde a rúa Celso Emilio Ferreiro a man esquerda e queda por pechar o proxecto técnico.

Corbacho valora que para a Universidade de Vigo "todo o que sexa traer vida ao campus e ás súas instalacións é de agradecer" e o 'skatepark' terá un efecto positivo ao "revitalizar" a zona, un enclave que considera "privilexiado", coa Illa das Esculturas á beira. 

Co 'skatepark' na parcela elixida "poderíamos pechar dalgunha maneira ese círculo" e esa era, precisamente, "a intención da proposta" e do acordo alcanzado.

MOSQUERA EXPLICA A SITUACIÓN DA PARCELA

Ante as críticas do PP á localización elixida para o 'skatepark', ao entender que ocupará a última parcela edificable no campus hipotecando un futuro crecemento, César Mosquera explicou que os terreos que ocupará este equipamento están catalogados como zona verde, polo que non se podería construír ningún inmoble neles.

A normativa urbanística si permite, pola súa banda, unha instalación "branda" como sería este 'skate-park', ao estar considerada como parque.