A urbanización completa da avenida Luís Rocafort sairá de novo a licitación

Sanxenxo
29 de marzo 2016

A decisión, que terá custo cero, foi acordada coa empresa despois de que o goberno provincial modificase o proxecto orixinal de urbanización da rúa

Presentación do novo proxecto da rúa Luis Rocafort
Presentación do novo proxecto da rúa Luis Rocafort / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra acordou co Concello de Sanxenxo a resolución do contrato con Dragados adxudicataria da reforma da avenida Luís Rocafort.

A decisión, que terá custo cero, foi acordada coa empresa despois de que o goberno provincial modificase o proxecto orixinal de urbanización da rúa.

O novo deseño terá un custo de 1,6 millóns de euros, isto supón un notable incremento respecto ao anterior proxecto. Será a Deputación a que asuma este sobrecusto xa que tamén se reformularon os criterios de repartición do financiamento. Antes era 55% Deputación e 45% concello e agora será 70% a administración provincial e o 30% restante, a municipal.

Entre os motivos que xustifican este encarecemento atópanse o aumento nun 30% da superficie de actuación, que agora abarca a totalidade da rúa, uns 12.400 metros cadrados.

Segundo explicou o deputado responsable de mobilidade, Uxío Benítez, a urbanización inclúe a conexión coa estrada autonómica a PO-308, polo que se descarta a opción de construír un túnel como sopesara o anterior goberno provincial.

Ademais a urbanización da rúa atenderá aos novos criterios de calidade contemplados no decálogo da Deputación, que inclúen a revisión de todos os servizos, así como, numerosas medidas de seguridade e mobilidade peonil, entre outras: sete pasos de peóns sobreelevados e entre 60 e 70 luminarias (antes só estaban previstas 14 farois).

Unha vez que se resolva o contrato con Dragados, a Deputación volvera a licitar a obra co obxectivo de adxudicala "canto antes" e que a obra poida iniciarse "ao final do verán". O prazo de execución contemplado é de 12 meses.

O convenio que asinarán o Concello e a Deputación incluirá, unha vez que conclúa a reforma, a transferencia deste viario ao municipio.

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, valorou este acordo como unha "excelente noticia" e pediu desculpas aos veciños polo atraso que acumula este proxecto, aínda que entende que "paga a pena esperar" ante a substancial mellora contemplada.

Nos próximos días convocaranse reunións veciñais para explicar aos residentes da zona todos os detalles do acordo.