A urbanización da rúa Miguel Carbajal e da estrada da Fraga custará máis de 450.000 euros

A Lama
19 de agosto 2022

O Concello da Lama está a mellorar a seguridade e mobilidade na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga ao abeiro do Plan ReacPon, da Deputación de Pontevedra

Visita ás obras de urbanización da rúa Miguel Carbajal
Visita ás obras de urbanización da rúa Miguel Carbajal /

O Concello da Lama está a mellorar a seguridade e mobilidade na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga ao abeiro do Plan ReacPon, da Deputación de Pontevedra.

Esta actuación, que permitirá completar a urbanización do centro urbano, foi visitada este venres polo deputado Carlos López Font e o alcalde Jorge Canda.

A institución provincial inviste máis de 450.000 euros en urbanizar esta zona formada polos dous citados viarios, que perimetran a contorna do colexio, o parque infantil, o polideportivo municipal, a igrexa e a Residencia, Fogar e Centro de Día que se construirá na rúa Miguel Carbajal. 

Coas obras que se están a desenvolver búscase dotar á contorna de máis habitabilidade, seguridade e unha correcta accesibilidade, dando prioridade aos peóns. Hai que remarcar neste senso que da superficie total de actuación, 5.981 metros cadrados, un 40,65 % destinarase ao uso peonil.

O proxecto prevé beirarrúas cun ancho de 2,50 metros na estrada da Fraga e beirarrúas de ancho variable, pero superior a 2,5 metros, en plataforma única na Rúa Miguel Carbajal. Amais, executaranse pasos elevados na estrada da Fraga con nova sinalización e pasos ao mesmo nivel na Rúa Miguel Carbajal. As medidas de seguridade complétanse coa habilitación dun redutor de velocidade na estrada da Fraga e a limitación da velocidade máxima a 30 km/h en todo o ámbito.

Por outra banda, mellorarase a eficiencia enerxética coa retirada e substitución do alumeado por novos farois de fundición, con 48 luminarias leds. Desta forma minimízase o impacto ambiental ao retirar tendido aéreo e postes de formigón.