A vacinación retárdase na área sanitaria

Pontevedra
08 de agosto 2021

A pesar da apertura da autocita para os mozos de entre 16 e 21 anos, a chegada dun menor número de dose provocou que o Recinto Feiral de Pontevedra e o Fexdega en Vilagarcía permanezan pechados este domingo 8 de agosto e tampouco teñan prevista a súa apertura o luns 9

Primeira xornada de vacinación no recinto feiral de Pontevedra a persoas nadas a partir do 1990
Primeira xornada de vacinación no recinto feiral de Pontevedra a persoas nadas a partir do 1990 /

Despois de moitas semanas a un ritmo constante e intenso, a vacinación bota o freo na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Así se deixa notar xa na previsión de vacinación da Consellería de Sanidade para estes días, afastados dos de semanas anteriores, tres queixarse o presidente da Xunta nun acto en Ferrol que a próxima semana Galicia só terá "125.000 vacinas" contra a covid. "Son a metade das que tiñamos nas semanas do mes de xuño", asegurou.

Esta freada chega nunhas xornadas nas que se tiña previsto terminar coa inmunización do colectivo de entre 30 e 39 anos administrando as últimas segundas doses previstas, ao mesmo tempo que se continuaba coa vacinación de mozos entre 20 e 29 anos e abriuse mesmo a 'autocita' esta fin de semana a 25.000 mozos de 16 a 21 anos.

Se o pasado venres 6 de agosto foron citados ata 4.004 pontevedreses (20 a 29 anos), todos eles no Recinto Feiral, para recibir a primeira dose de Pfizer, o sábado esa cifra xa descendeu aos 2.680 convocados para segundas doses (30 a 39 anos) e para a autocita, repartidos entre o recinto pontevedrés (1.850) e Fexdega en Vilagarcía (830), coa particularidade de que todos debía acudir en horario matinal pechando as zonas de vacinación toda a tarde.

Ese peche prolongouse este domingo día 8, sen actividade vacinal prevista no toda a área sanitaria, mentres que o luns 9 as vacinacións reduciranse ao mínimo, con 70 convocados no Hospital de Montecelo (repesca) para recibir a vacina de Janssen e outros 100 máis no Hospital do Salnés, pero de novo sen actividade nos grandes recintos.