A Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, acaba de admitir a trámite unha queixa presentada por unha cidadá contra a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sobre o proceso de contratación de persoal na zona de Pontevedra norte.
A cidadá presentou unha queixa oficial na que solicitaba unha "revisión exhaustiva das prácticas de contratación" na xerencia de Pontevedra norte do Sergas co obxectivo de "garantir a equidade, transparencia e cumprimento dos principios básicos de selección de persoal".
Na queixa fala de "patrón preocupante" no proceso de contratación no que "se privilexia a certos candidatos sen ter en conta a súa experiencia ou méritos". Para esta cidadá, esta situación "socava a confianza no sistema de contratación" e "xera descontento entre os traballadores".
Esta cidadá pediu á Valedora do Pobo que se investigue esta situación e se tomen medidas e, unha vez estudado o seu escrito, optouse pola súa admisión a trámite ao entender que "reúne os requisitos formais" esixido por lei.
O escrito de admisión a trámite, datado o pasado 8 de marzo, e ao que tivo acceso PontevedraViva, recolle que a Valedora do Pobo inicia as actuacións oportunas #ante a Consellería de Sanidade e que se vai a requirir á administración sanitaria que no prazo de 15 días facilite información sobre os problemas que motivan a queixa.
Na queixa presentada, esta cidadá expresa a súa "profunda preocupación e descontento" con respecto ás prácticas de contratación na xerencia de Pontevedra norte en relación con outras zonas de Galicia como a da Coruña.
Así, explica que A Coruña, se chaman a un traballador que está nos postos iniciais da lista para ofrecerlle un contrato de días e, dentro da mesma mañá, horas despois, xorde un contrato que se prevé que sexa máis longo, volven chamar para ofrecerllo. Con todo, en Pontevedra, "coa escusa de non desfacer contratos", seguen chamando por lista e, desta forma, chega a ofrecerse mellores contratos a persoas situadas máis abaixo na lista que aos mellor situados.
Considera que estas "disparidades no proceso de contratación" non só son "inxustas", senón que tamén "afectan negativamente os empregados e ao funcionamento eficiente do servizo de saúde".
"É fundamental que todas as xerencias do Sergas sigan prácticas de contratación equitativas e transparentes, así como o cumprimento dos acordos establecidos", sinala a queixa, que mantén que en Pontevedra incúmprese o pacto de contratación.