A vangarda científica intercambia no Pazo da Cultura os últimos avances no X Congreso Nacional de Mellora Xenética de Plantas

Pontevedra
20 de setembro 2022

O Pazo da Cultura acolle desde este martes 20 de setembro o X Congreso Nacional de Mellora Xenética de Plantas organizado pola Misión Biolóxica de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Sociedade Española de Xenética e a Sociedade Española de Ciencias Horticolas; en colaboración co Concello e a Deputación de Pontevedra

X Congreso Nacional de Mellora Xenética de Plantas
X Congreso Nacional de Mellora Xenética de Plantas / Concello de Pontevedra

O Pazo da Cultura acolle desde este martes 20 de setembro o X Congreso Nacional de Mellora Xenética de Plantas organizado pola Misión Biolóxica de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Sociedade Española de Xenética e a Sociedade Española de Ciencias Horticolas; en colaboración co Concello e a Deputación de Pontevedra.

Tal é como explicou a vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC, Elena Cartea, este congreso supón un marco idóneo para intercambiar os últimos avances no coñecemento científico e no desenvolvemento profesional nos distintos campos que integran a mellora xenética vexetal, desde o manexo dos recursos fitoxenéticos ata a máis avanzada tecnoloxía de modificación xenética, mediante conferencias plenarias e temáticas e comunicacións específicas. 

A antiga directora da Misión Biolóxica, tamén lembrou que Pontevedra é unha cidade que conta cun "modelo urbanístico recoñecido mundialmente", polo que o congreso se celebra nunha "contorna magnífica", animando a todos os participantes a gozar da Boa Vila e das súas rúas e establecementos durante a súa estancia.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou na apertura deste congreso, lembrando a importancia da investigación para o futuro e o presente da sociedade moderna "a investigación é a base de todo, a investigación logra que a sociedade sexa mellor, que vivamos mellor", indicou o rexedor.

Lores fixo fincapé na importancia de que Pontevedra sexa sede deste tipo de citas, colocando a cidade como un punto estratéxico da divulgación e a investigación científica. "Estou orgulloso de que a cidade continúe sendo sede deste tipo de citas, pois é, sen ningunha dúbida, algo positivo, sinónimo de que somos unha vila acolledora e que a xente quere pasar uns días aquí ao tempo que participa en conferencias e congresos deste tipo", afirmou.