A veciñanza de Ardán e Santomé de Piñeiro recibirá 200 novos composteiros

Marín
01 de marzo 2020

"Este modelo está a ter unha magnífica acollida", asegura a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, que explicou que desta vez se repartirán cen composteiros en Ardán e outros cen en Santomé de Piñeiro

Composteiro
Composteiro / Sogama

Despois de repartir un cento de composteiros en Pardavila o pasado ano e outros tantos en Seixo o pasado mes, o Concello de Marín volverá a repartir 200 novas unidades, cedidas por Sogama, para aqueles que desexen implantar a compostaxe individual nas súas vivendas.

Os recipientes permitirán, segundo destaca o goberno municipal, ampliar o alcance deste modelo de xestión dos residuos orgánicos do municipio.

"Este modelo está a ter unha magnífica acollida", asegura a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, que explicou que desta vez repartiranse cen composteiros en Ardán e outros cen en Santomé de Piñeiro.

O reparto comezará con 20 persoas que quedaron anotadas na lista de espera da última quenda, polo que terán prioridade á hora de recoller composteiros na primeira tanda.

Todos aqueles que teñan interese en coller unha unidade poderán anotarse no Concello, no departamento de Alcaldía, ben de maneira presencial ou ben escribindo un correo electrónico a [email protected].

O primeiro reparto realizarase o mércores, día 4 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa de Cultura de Ardán. O seguinte será o luns, 23 de marzo, na Casa de Cultura de Santomé de Piñeiro.