Mostras de compost gratis para os veciños de O Sequelo e A Cañota de Marín que se acheguen aos centros de compostaxe

Marín
28 de xullo 2020

Ofreceranse charlas formativas en sesións de mañá e tarde; durante a xornada deste mércores en O Sequelo e na Cañota o xoves

Composteiros do Plan Revitaliza da Deputación en Marín
Composteiros do Plan Revitaliza da Deputación en Marín / Deputación de Pontevedra

O Plan Revitaliza da Deputación Provincial ofrece esta semana en Marín senllas xornadas formativas en O Sequelo e A Cañota. A primeira será este mércores 29 a partir das 10.30 horas en O Sequelo, de forma que comezará así a súa posta en funcionamento.

Técnicos da entidade estarán na carpa instalada a tal fin, para explicar como funciona este sistema de xestión de residuos orgánicos domésticos e regalarán a quen acuda unhas mostras de compost extraído de composteiros comunitarios.

Pola tarde, ás 20.00 horas, ofrecerase unha sesión formativa aos propietarios das hortas urbanas de O Sequelo. Xa na xornada do xoves 30, repetiranse as charlas cos mesmos horarios, 10.30 e 20.00 horas, no centro de compostaxe da Cañota, con repartición igualmente gratuíta para os asistentes.

Previamente a estas dúas accións entre os veciños, este martes, os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, visitaron o centro de compostaxe comunitaria de O Sequelo acompañados de técnicos provinciais do Plan Revitaliza e de persoal da Fundación Xoán XXIII, que será o encargado do mantemento do devandito centro de compostaxe.