Os composteiros do Plan Revitaliza na Cañota e O Sequelo xa levan tratadas once toneladas de biorresiduos

Marín
25 de novembro 2020

Para celebralo os mestres composteiros realizarán este xoves e venres un reparto de compost entre todas as persoas participantes na iniciativa

Composteiros comunitarios en Marín
Composteiros comunitarios en Marín / Concello de Marín

Os centros de compostaxe comunitaria de A Cañota e O Sequelo do Plan Revitaliza no concello de Marín, que comezaron a funcionar os meses de xullo e agosto, xa levan tratadas once toneladas de biorresiduos da veciñanza, correspondentes á fracción orgánica e a restos vexetais.

Para celebralo os mestres composteiros realizarán este xoves e venres un reparto de compost entre todas as persoas participantes na iniciativa.

Segundo o persoal técnico que leva o seguimento e control dos dous centros de compostaxe, ambos composteiros están funcionando de maneira moi positiva, cunha alta participación e con apenas impropios, é dicir, case sen aportes de lixo non orgánico.

Para amosar a calidade do compost, entregarase ás persoas que se acheguen o produto resultante de transformar os residuos orgánicos que saen de cada casa nun fertilizante para as plantas.

A xornada informativa e o reparto de compost realizarase o xoves en O Sequelo entre as 12 e as 14 horas, e o venres 27 no mesmo horario nas inmediacións do composteiro da Cañota.

Coa instalación destes dous centros de compostaxe comunitaria Marín incorporouse ao grupo dos chamados "Concellos Revitaliza", facendo que a totalidade dos municipios da comarca do Morrazo estean involucrados no plan provincial da Deputación. Nestes momentos, tanto o concello de Marín, como o de Cangas, Moaña e Bueu teñen xa un importante número de composteiros comunitarios e de composteiros individuais instalados. 

A intención da Deputación e do Concello de Marín ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen os biorresiduos de varias ducias de veciños e de produtores singulares de lixo, e así evitar que vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para a súa incineración, co custe ambiental e económico que iso supón.