O goberno de Marín estuda as fórmulas para reducir un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro

Marín
15 de setembro 2020

A empresa encargada da redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía no Concello de Marín sinala que os edificios residenciais e o transporte privado, ademais do tecido industrial, son os xeradores do maior consumo na vila

A empresa Inova Labs analiza con representantes da corporación e técnicos as melloras ambientais
A empresa Inova Labs analiza con representantes da corporación e técnicos as melloras ambientais /

Marín atópase adherido desde hai un ano ao Pacto de Alcaldías polo Clima, unha iniciativa da Comisión Europea na que participan máis de 10.000 municipios de 60 países de todo o mundo. 

Esta proposta ten como un dos seus obxectivos reducir en cada Concello un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro antes de 2030, ademais de adoptar melloras que axuden ao medio ambiente para afrontar o cambio climático.

O pacto establece que o Concello de Marín debe elaborar un documento estratéxico que sirva como guía para, detallando as características ambientais do municipio na actualidade, adoptar as mellores decisións. 

A empresa Inova Labs é a encargada de realizar ese Plan de Acción e este martes ofreceron a representantes da Corporación e técnicos municipais as súas primeiras conclusións. Destacan que os maiores xeradores de consumo enerxético no municipio son os edificios residenciais, o transporte privado e o tecido industrial.

Desde o goberno local sinalan que desde 2014 puxéronse en marcha medidas para reducir consumos, con cambios na iluminación pública a través do uso de LEDs. Tamén apuntan que a estratexia de mobilidade urbana sostible será outro dos aspectos que axudará nesta mellora ambiental.

Dentro do Plan incluiranse campañas dirixidas a divulgar as axudas existentes para realizar obras de eficiencia enerxética nos domicilios e ao mantemento de sistemas de xestión de residuos e compostaxe, como o que se implantou en Marín.

O  Concello pon ao dispor dos residentes o correo [email protected] para que a cidadanía realice achegas a este proxecto.