Marín aprobará no pleno deste xoves o seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible

Marín
11 de novembro 2020

Este plan nace dos acordos adoptados dentro do Pacto de Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía, ao que Marín se adheriu en 2019. Por unha banda, o compromiso de reducir as emisións de CO2 e gases de efecto invernadoiro nun 40% e, por outra, aumentar a adaptación ás repercusións do cambio climático

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mostra un exemplar do Plan polo Clima
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mostra un exemplar do Plan polo Clima / Concello de Marín

Co obxectivo de fomentar unha economía verde, circular e sostible, o Concello de Marín levará ao Pleno municipal do vindeiro xoves a aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES).

Este plan nace dos acordos adoptados dentro do Pacto de Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía, ao que Marín se adheriu en 2019. Por unha banda, o compromiso de reducir as emisións de CO2 e gases de efecto invernadoiro nun 40% como mínimo de cara ao 2030, a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables; e, por outro lado, aumentar a resiliencia mediante a adaptación ás repercusións do cambio climático.

Coa finalidade de chegar a estes obxectivos, o Concello, ademais de aprobar o PACES, levará a cabo un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e de vulnerabilidades derivados do cambio climático, así como a súa evolución no tempo.

A empresa Inovalabs foi a encargada de prestar a asistencia técnica para a elaboración deste plan, por un importe de 12.087,90 euros. Para elaborar o PACES o Concello contou cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de 11.000 euros.

MEDIDAS PARA UN MARÍN MÁIS VERDE

Nunha sesión de traballo coa Corporación municipal, completábase o proceso de elaboración do PACES incluíndo a participación a través de enquisas, co obxectivo de identificar as accións máis relevantes para o Concello de Marín en materia climática.

A accións contemplan un aumento da superficie de áreas verdes, coa plantación de árbores e a creación de novas hortas urbanas; redución do consumo de auga e medidas dirixidas a controlar a incidencia de grandes chuvias e posibles inundacións futuras; accións relacionadas coa saúde e a concienciación e sensibilización da poboación; reforma de edificios e de infraestruturas para mellorar a súa eficiencia ambiental; redución do efecto do selado do terreo e aumento das áreas permeables; así como medidas encamiñadas á agricultura e silvicultura e incentivación e ampliación dos modelos de compostaxe e de economía circular.