Sanxenxo, Poio, Caldas de Reis e Vilaboa levan a Pleno o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía

Vilaboa
26 de novembro 2020

O Plan de acción polo clima e a enerxía sustentable (PACES) é un documento no que os gobernos locais de toda Europa expoñen a súa estratexia de redución de emisións de CO2, así como as súas ideas para adaptarse ao cambio climático e camiñar cara unha maior eficiencia enerxética

Un grupo de ciclistas por un camiño rural
Un grupo de ciclistas por un camiño rural / Concello de Caldas de Reis

O Plan de acción polo clima e a enerxía sustentable (PACES) é un documento no que os gobernos locais de toda Europa expoñen a súa estratexia de redución de emisións de CO2, así como as súas ideas para adaptarse ao cambio climático e camiñar cara unha maior eficiencia enerxética.

Estes días coinciden concellos coma Sanxenxo, Poio, Caldas de Reis e Vilaboa en levar a Pleno a súa aprobación fixando ou obxectivo de, nun horizonte de dez anos reducir as emisións de CO2 e de gases de efecto invernadoiro nun 40% e contar cun plan de adaptación contra o cambio climático.

Todos estes concellos forman parte do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía no que participan 10.381 autoridades locais e rexionais e implica a máis de 320.000 habitantes.

Nun horizonte de dez anos reducir as emisións de CO2 e de gases de efecto invernadoiro nun 40%

Conseguir estes obxectivos co desenvolvemento do Paces terán un custo total de máis de 74 millóns de euros dos que 14.179.522 euros supoñerán un esforzo tanto público como privado, contando, sempre que con recursos públicos complementarios de ámbito provincial, autonómico, estatal e europeo, e a mobilización de recursos privados, especialmente os procedentes do sector residencial.

No caso de Sanxenxo, a sesión plenaria que se celebrará este venres ás 9:30 horas por streaming permitirá dar luz verde ao plan que inclúe un inventario de emisións de referencia, con 39.587 toneladas equivalentes a CO2 producidas no municipio en 2019 sendo os sectores residenciais e o transporte os responsables do 95% do consumo de enerxía e do 72% das emisións.

No inventario de emisións de Caldas de Reis o Plan informa que o 55,8% das emisións anuais de CO2 son producidas no termo municipal polo transporte privado e comercial, o 38,24% proceden de equipamentos, edificios e instalacións residenciais, mentres que o alumeado público produce o 3,32% os equipamentos e instalacións municipais o 2,14% e o transporte municipal só o 0,43.

Doutra banda, a distribución de emisións por fontes de enerxía, os consumos de gasóleo dos vehículos (principalmente transporte privado e comercial) son os que máis emisións xeran, seguido dos consumos eléctricos das edificacións residenciais.

En Poio este mércores a aprobación do Paces contou co respaldo unánime da Corporación municipal e agárdase que ocorra o mesmo este venres no Pleno do Concello de Vilaboa.

CONCURSO "REACCIÓN POLO CLIMA"

"Que talento temos nesta provincia! " asegurou este xoves a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva ao dar a coñecer o fallo do primeiro certame audiovisual "Reacción polo clima". 

A presidenta provincial mostrou o seu orgullo polo nivel dos audiovisuais presentados e polo "grande compromiso" da mocidade da provincia. Manuel Albariñas, de Marín, álzase co primeiro premio por "(in)consciente", unha peza "impactante, que nos fai reflexionar, que nos toca e posiciona fronte ao que estamos a facer co planeta".