O Concello Vilanovés segue apostando polos vehículos eléctricos para o parque móbil municipal. Primeiro foi o coche da policía municipal que un ano despois está a dar un moi bo rendemento, tal e como indicou o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán; ademais de contribuír á mellora do medio ambiente. O alcalde anunciou que será o departamento de obras e xardiñería o próximo que goce de dous novos vehículos eléctricos. Ademais colocaranse catro novos puntos de carga en distintos puntos do Concello para dar servizo aos usuarios que dispoñan de vehículos eléctricos, así como para a carga dos vehículos municipais.
Durán prometera anteriormente a adquisición de novos medios eléctricos e contara tamén co apoio doutras forzas políticas. Afirma que agora é a quenda do departamento de obras, e que van adquirir este ano dúas furgonetas eléctricas de cero emisión para servizos de xardíns e medio ambiente e de obra.
Unha característica do Concello de Vilanova de Arousa é a dispersión poboacional, espallada nas parroquias de Caleiro, András, Baión, Tremoedo, San Miguel e a capital do municipio, Vilanova; todas elas cun número de habitantes moi semellante. Os quilómetros realizados polos distintos operarios e o persoal do Concello ao ter que cubrir un termo municipal moi disperso e dous polígonos industriais, xera un importante dispendio en combustible, así como a antigüidade dos vehículos que precisan constantes reparacións, que agora veranse reducidas coa adquisición da alternativa eléctrica.
O servizo de obras actualmente ten un número elevado de operarios e conta cun todoterreo herdado da Policía Municipal e un furgón con moitos anos de antigüidade, supoñendo ambos uns consumos de contaminación moi elevados. O modelo dos novos vehículos é orientativo, aínda que poderán ser totalmente novos ou seminovos ata 100 km. A cantidade presupostada é de 48.400 euros.
O alcalde asegura que estanse a adoptar cada vez máis medidas para ofrecer un mellor servizo ao cidadán, impulsar a mobilidade sostible, así como de aforro na administración.