A vella Casa do Mar de Marín comeza a convertirse en centro de día

Marín
12 de febreiro 2022

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoeste venres as obras acompañado pola alcaldesa do municipio, María Ramallo  

Visita institucional ás obras do novo centro de día de Marín Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia destaca o avance nas obras do novo centro de día de Marín, un novo servizo de atención ás persoas maiores que se emprazará no primeiro andar da Casa do Mar e nas que o Goberno galego inviste 200.000 euros.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá os traballos que se están a acometer nestas instalacións acompañado da alcaldesa do municipio pontevedrés, María Ramallo.

Perfecto Rodríguez destacou a importancia deste novo equipamento, que “contribuirá a incrementar o benestar das veciñas e veciños de Marín” e que “será unha realidade grazas á colaboración entre a Administración autonómica e a local”, engadiu. Ao respecto, explicou que a actuación é froito dun convenio asinado hai dous anos entre a Consellería de Política Social e o Concello marinense para financiar a construción deste centro de día.

O novo equipamento, cuxa execución e posterior xestión correrá a cargo do Concello, contará cunha ampla sala de usos múltiples e outras dependencias, como un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, cociña e lavandaría. O custe total do acondicionamento do inmoble ascende a 300.000 euros e o seu remate está previsto para este ano 2022.

O xerente do Consorcio fixo fincapé no compromiso do Executivo autonómico coas familias, os pequenos e as persoas maiores de Marín. O novo centro de día complementará a rede pública de servizos sociais que existen en Marín, que xa conta con tres escolas infantís, unha residencia para a terceira idade e un centro sociocomunitario.