A vendima deste ano en Galicia destacará pola súa alta calidade. Así o salientou este venres a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
A titular de Medio Rural indicou que o volume de uva que está previsto recoller na denominación de orixe Rías Baixas é duns 36 millóns de quilos, preto do 60% do total do froito vendimado en Galicia.
Nesta denominación a vendima iniciouse o pasado día 8 de setembro e está previsto que remate a mediados de outubro.
Rías Baixas é a denominación de maior dimensión das galegas, con máis de 5.000 viticultores, unha superficie de cultivo que supera lixeiramente as 4.000 hectáreas e máis de 180 adegas.
As previsións nesta denominación de orixe indican, ademais, que a vendima será das mellores da historia en canto a calidade, malia que pode diminuír en cantidade arredor dun 7% respecto á pasada campaña, segundo os primeiros cálculos estimativos que manexa o seu consello regulador.