A Vicerreitoría impulsa unha enquisa para coñecer a demanda que tería unha residencia estudantil en Pontevedra

Pontevedra
09 de febreiro 2023

Co propósito de coñecer a demanda que podería ter unha residencia universitaria na cidade, a Vicerreitoría impulsou esta semana unha enquisa virtual dirixida ao alumnado das diferentes facultades e escolas

Vista aérea do Campus Universitario
Vista aérea do Campus Universitario / Universidade de Vigo

Co propósito de coñecer a demanda que podería ter unha residencia universitaria na cidade, a Vicerreitoría impulsou esta semana unha enquisa virtual dirixida ao alumnado das diferentes facultades e escolas. 

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, explicou que "o obxectivo é coñecer cales son as necesidades reais de aloxamento do estudantado do campus".

Neste cuestionario pregúntase ao alumnado tanto polos estudos que cursan no campus pontevedrés, como polos seus municipios de procedencia e de residencia, así como polo medio de transporte que empregan para desprazarse ás súas facultades e escolas, para finalmente coñecer tanto se serían partidarios da creación dunha residencia como se lles interesaría ser usuarios desta e en que períodos da súa etapa formativa.

Como lembra Lantarón, no campus impártense varias "titulacións únicas" en Galicia, o que fai que nel se formen alumnos "procedentes de toda a xeografía galega", así como doutras comunidades autónomas. 

Nese senso, e "tendo en conta ademais o incremento do prezo dos alugueres", o propósito desta iniciativa é "coñecer cal é a realidade do alumnado, se vive da aluguer ou coa súa familia, como se despraza ao campus... ", engade a vicerreitora. 

Esta consulta permitirá "ver cal sería o interese" por unha infraestrutura coa que non conta a Universidade en Pontevedra. Deste xeito, sinala Lantarón, poderíase constatar "se hai unha necesidade dunha residencia estudantil na cidade", para logo incorporar esta demanda "a planificación da Universidade e do campus e estudar onde se podería emprazar esa residencia e con que infraestruturas poderíamos contar", nun proceso, lembra, "con perspectiva de futuro, a longo prazo".  

A realización desta enquisa fora anunciada a pasada semana, nunha sesión extraordinaria do Consello de Campus, dirixida a dar a coñecer a proposta trasladada á institución académica dunha posible cesión á Universidade de Vigo do edificio do Hospital Provincial, unha vez completadas as obras do Gran Montecelo.