A vindeira semana comezan as obras na Avenida Vilar

Sanxenxo
12 de febreiro 2023

Os traballos forman parte dun proxecto de humanización dun tramo da avenida Vilar coa intención de dar continuidade á reforma da praza de Vilalonga. Estes días vai iniciarse o levantamento das actuais beirarrúas da marxe dereita

Obras na praza de Vilalonga
Obras na praza de Vilalonga / Concello de Sanxenxo

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, achegábase á Praza de Vilalonga este domingo 12 con representantes de EC Casas, a empresa adxudicataria da reforma integral deste espazo. Tamén acudía Irene Campo, redactora do proxecto. 

O rexedor anunciaba que o inicio das obras para humanizar o tramo da Avenida de Vilar, que coincide co tramo frontal da praza. O Concello busca crear un espazo de convivencia, ofrecendo unha plataforma única e ampliando os dous lados da beirarrúa, xa que se trata da arteria de entrada de vehículos á parroquia.

O límite de velocidade establecerase en 20 quilómetros por hora, co obxectivo de priorizar ao peón fronte aos vehículos. Para poñer en marcha estes obxectivos, elevarase o nivel das beirarrúas, que terán un ancho de tres metros. Ademais estableceranse tres pasos de peóns, que faciliten a interacción entre o centro urbano e a praza reformada.

O levantamento das beirarrúas está previsto para esta próxima semana, ao mesmo tempo que continuarán as obras no interior da praza onde se constrúe a bancada de pedra. Espérase que nos próximos días tamén se inicie a pavimentación.

A praza contará con 5.280 metros cadrados, véndose ampliada en máis de mil metros cadrados e gañando terreo nas proximidades ao campo de fútbol e á estrada PO-550. Eliminarase a bancada perimetral e as barreiras físicas actuais, segundo informa o goberno local. 

O proxecto contempla a construción dunha pérgola de estrutura de aceiro galvanizado, con piares que seguirán a liña dos troncos de bidueiro. O Concello ten previsto destinar este espazo a actividades culturais e deportivas, coa posibilidade de que haxa unha zona de sombra durante o verán.