A vítima 180 da covid-19 na área é un home de 74 anos falecido en Montecelo

Pontevedra
01 de xuño 2021

A Consellería de Sanidade informaba este martes de que este home, que fora diagnosticado por coronavirus, falecía este luns 31 de maio nas dependencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Tiña patoloxías previas. Trátase da única vítima notificada por Saúde Pública nas últimas horas

Sanitaria en zona de probas PCR
Sanitaria en zona de probas PCR / Mónica Patxot

Un home de 74 anos, que falecía durante a xornada do luns 31 de maio no Hospital Montecelo, convértese na vítima 180 por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

A Consellería de Sanidade notificaba este falecemento durante a xornada deste martes despois de comprobar que continuaba sendo positivo tras ser diagnosticado por coronavirus. Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, a vítima contaba con outras enfermidades previas.

Trátase da única vítima rexistrada en Galicia durante as últimas horas e con este deceso o número de mortes na comunidade desde o inicio da pandemia ascende a 2.420 persoas.

Na área sanitaria curáronse 13.833 pacientes, 16 máis que na xornada do luns, desde o inicio do plan de continxencia.