O Hospital Montecelo sumaba este mércores 11 de agosto unha nova vítima con coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo notificaba a Consellería de Sanidade.
Trátase dun home de 86 anos, que presentaba enfermidades previas no seu historial médico. Con este novo falecemento, o número de persoas mortas por esta enfermidade sitúase en 192 desde o inicio da pandemia en está zona sanitaria. Durante ese período curáronse 18.156 pacientes, 171 durante a última xornada notificada.
Aínda permanecen 31 persoas ingresadas por covid-19 nos hospitais de Pontevedra e O Salnés, seis deles atópanse na Unidade de Coidados Críticos.
A Consellería de Sanidade tamén notificaba a morte durante este mércores dunha muller de 62 anos no Complexo Hospitalario da Coruña; un home de 80 no Hospital HM Modelo Belén da Coruña e un home de 89 no Hospital Comarcal de Verín, que procedía da Residencia de maiores Val de Monterrei. Ademais, Saúde Pública confirmaba a morte con esta enfermidade dun home de 77 anos que perdía a vida no Hospital Lucus Augusti de Lugo durante o martes 10. Todas estas vítimas contaban con patoloxías previas.
Actualmente, Galicia atópase en 2.504 mortes derivadas desta pandemia.
PLAN DE VACINAS PARA O XOVES 12
Durante este xoves 12, a Consellería advirte de que non se procederá a vacinar nin no Recinto Feiral de Pontevedra nin no de Fexdega, en Vilagarcía de Arousa.
Só convocouse a 150 persoas en horario de mañá no Hospital Montecelo, para recibir segundas doses. Trátase de maiores de 40 anos.
No Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra tamén se citou a 20 persoas en horario matinal. Neste caso, o Sergas indica que pertencen a diversos colectivos, que recibirán a súa segunda dose de vacina.