Catro mortes máis con covid entre persoas maiores de 72 anos en Galicia, unha delas falecida en Montecelo

Pontevedra
12 de agosto 2021

Saúde Pública confirmaba este xoves estas catro mortes que se producían na xornada do 11 de agosto, entre elas se atopa o falecemento dun home de 85 anos no Complexo Hospitalario de Pontevedra, que se converte na vítima 193 na área sanitaria desde o inicio da pandemia. Todas as vítimas tiñan idades avanzadas e contaban con outras enfermidades previas

O Recinto Feiral de Pontevedra e o de Fexdega acollerán este venres 13 unha nova xornada de vacinación
O Recinto Feiral de Pontevedra e o de Fexdega acollerán este venres 13 unha nova xornada de vacinación /

Saúde Pública confirmaba na tarde deste xoves 12 que catro persoas diagnosticadas por coronavirus falecían este mércores 11 en Galicia, ademais das notificadas na xornada de onte, como consecuencia da pandemia.

Entre estes catro decesos atópase un home de 85 anos de idade, que falecía no Hospital Montecelo. Convértese, desta forma, na vítima 193 orixinada por esta enfermidade desde o inicio do plan de continxencia.

A esta morte, hai que sumar a dunha muller de 90 anos, dentro da provincia de Pontevedra. O falecemento producíase no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e procedía da Residencia DomusVI da cidade olívica.

A eles hai que sumar a perda dunha muller de 77 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e un home de 72 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña. Todos estes pacientes falecidos contaban con enfermidades previas nos seus historiais médicos, segundo indica a Consellería de  Sanidade.

Galicia suma xa 2.508 falecementos debido á pandemia, segundo os datos que recolle o  Servizo  Galego de  Saúde.

PROGRAMACIÓN DE VACINAS PARA O VENRES 13

Este venres 13, a Consellería de Sanidade citou a 3.500 persoas, con idades comprendidas entre os 30 e os 39 anos, no Recinto Feiral de Pontevedra, en horarios de mañá e tarde, para recibir a segunda dose da vacina.

Para o Recinto Feiral Fexdega en Vilagarcía de Arousa convocáronse a 1.450 persoas, tamén con entre 30 e 39 anos, para recibir segundas doses, en horarios de mañá e tarde.