A volta ao cole comeza con advertencias de folga contra o protocolo da Xunta

Pontevedra
21 de agosto 2020

As reivindicacións da CIG consisten no aumento da distancia física nas aulas, contratación de profesorado e persoal non docente, así como a garantía dunha resposta universal sen discriminacións en caso de ter que acudir á teledocencia

Aula do CEP Ríomaior de Vilaboa adaptadas para a emerxencia sanitaria
Aula do CEP Ríomaior de Vilaboa adaptadas para a emerxencia sanitaria / Xunta de Galicia

A sección de Ensino do sindicato CIG planea mobilizacións para o mes de setembro e propoñerá ao resto de centrais sindicais e á comunidade educativa a convocatoria dunha folga se a Xunta non rectifica o protocolo de regreso ás aulas. Con esta ameaza e co rexeitamento xeneralizado que ven desde a CIG por parte do profesorado, familias e o resto da sociedade, esperan facer rectificar ao goberno autonómico.

Critican que Feijoo "se parapete detrás doutros e desatenda as súas propias competencias". O sindicato maioritario en Educación considera que o uso de máscara obrigatoria para profesores e alumnos maiores de seis anos é insuficiente e aseguran que a Xunta "busca de novo non investir nin un só euro en redución de cocientes e na contratación de persoal docente e non docente, as únicas medidas que poden contribuír a garantir a seguridade e a distancia social na escola".

Para o sindicato, só o distanciamento social, evitar aglomeracións en espazos pechados e mal ventilados e o uso da máscara son as medidas máis efectivas para minimizar o risco de contaxio.

Con respecto ao anuncio de contratación de profesorado de reforzo e a habilitación de 144 novas aulas no próximo curso, a CIG considéraas medidas ordinarias que non dan resposta á situación provocada pola COVID-19. Alegan que se tratan de contratos financiados polo Fondo Social Europeo que veñen aplicando desde o 2014 e só para unha parte do alumnado.

Tampouco están de acordo coa ampliación do número de aulas e aseguran que só se producirá este incremento para poder cumprir coa legalidade da cociente máxima de 25 alumnos por aula.

Dada a falta de avances no protocolo e o agravamento da situación sanitaria, a CIG anima a toda a comunidade educativa a dar unha resposta en forma de folga no comezo do curso se non hai niinguna rectificación por parte da Xunta.

"O aumento da distancia física nas aulas, a contratación de profesorado, a contratación de máis persoal non docente (limpeza, subalterno, comedor...) e a garantía dunha resposta universal e sen discriminacións no caso de termos que acudir á teledocencia parcial ou completa", son as reivindicacións do sindicato.