Os alcaldes de Cuntis e Moraña, Manuel Campos e José Cela, mantiveron este luns unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, para analizar a falta de atención pediátrica en ambos os dous municipios.
No encontro o xerente defendeu que se manterá a praza de pediatría de Atención Primaria "independentemente dos condicionantes actuais", pero alegou que a vacante se debe a dificultade para atopar facultativos ao tratarse dunha especialidade con gran demanda de prazas e "paro cero", segundo a administración sanitaria.
No transcurso da reunión confirmouse aos rexedores que o Sergas traballa na xestión da cobertura do programa 'Neno san' en Moraña e Cuntis, de forma que tanto as revisións como as vacinacións se poidan cumprir con normalidade.
A intención do Servizo Galego de Saúde é poder adxudicar unha praza de pediatra que dea cobertura aos pacientes de ambos os dous concellos a razón de media xornada en cada un, como viña realizando ata que o posto quedou deserto.