A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que lidera José Ramón Gómez, enviou nos últimos días un escrito ao Concello de Pontevedra instándolle a normalizar a actividade de Medicina e Enfermería de Atención Primaria na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.
Na carta enviada, os representantes dos centros sanitarios de Pontevedra insiste na posibilidade de avaliar o uso para finalidade asistencial da biblioteca, que se atopa próxima ao consultorio de atención primaria de Ponte Sampaio. Entende que habilitar este espazo permitiría unha estreita coordinación entre o profesional de Medicina e o de Enfermería, que é o único que nestes momentos está a realizar o servizo na parroquia.
Tamén afirman desde a xerencia da área Sanitaria a súa disposición para estudar in situ calquera posibilidade para retomar a asistencia sanitaria previa á expansión da Covid-19.
O centro recuperou o 1 de xuño a actividade de Enfermería no consultorio pero o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) apunta que se precisa un espazo máis amplo para poder instalar a consulta de Medicina para garantir a seguridade dos pacientes e dos profesionais sanitarios.
O Concello de Pontevedra, pola súa banda, anunciou que pon ao dispor do SERGAS outro centro da parroquia, a Casa da Cultura, ao entender que se trata da opción máis coherente como solución transitoria.