A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a través dunha comunicación remitida desde a súa xerencia, asegura ser a "primeira interesada" en poder normalizar a actividade de atención primaria no consultorio de Ponte Sampaio.
A este respecto, afirman que están á espera de concretar unha data para que os técnicos do Sergas e do Concello de Pontevedra para estudar "in situ" calquera opción que desbloquee "definitivamente" a actual situación da parroquia, sen médico desde hai meses.
Desde o Sergas insisten en recomendar o uso da biblioteca para a atención sanitaria, entre outros motivos, pola súa proximidade co consultorio actual.
Este espazo permitiría, segundo as autoridades sanitarias, unha "estreita coordinación" entre os profesionais de Medicina e Enfermaría, a pesar de ter que prestar asistencia en dous edificios diferentes.
Con todo, a área sanitaria de Pontevedra recorda que, como noutras moitas localidades de toda Galicia, a atención médica en Ponte Sampaio veuse "condicionada e modificada" pola incidencia do coronavirus.
A distribución de espazos do consultorio non cumpre os "requisitos mínimos" para desenvolver a actividade asistencial sen minimizar riscos, xa que non se poden habilitar dobres circuítos, nin contar cunha sala de illamento, nin efectuar a triaxe na súa entrada.
Ademais, o Servizo Galego de Saúde lamenta que esta situación asistencial "se trate de dirimir" por parte do Concello a través dos medios de comunicación, "en vez de manter as xestións pola vía formal e administrativa" para restituír a atención sanitaria.