Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior volven saír á rúa contra o "desmantelamento da sanidade pública"

Pontevedra
21 de agosto 2020
Actualizado: 17:53

A ponte medieval de Ponte Sampaio será escenario este venres do novo acto de protesta da veciñanza contra a política sanitaria do Servizo Galego de Saúde. A situación chegará ao Parlamento de Galicia da man do BNG e xa anuncian máis mobilizacións: "Non imos parar, non imos desistir ata que a situación se solucione"

Manu Lourenzo e representante da Plataforma Veciñal de Ponte Sampaio - A Canicouva
Manu Lourenzo e representante da Plataforma Veciñal de Ponte Sampaio - A Canicouva / PontevedraViva

Un dobre crime rexistrado ao mediodía deste venres en Soutomaior obrigou a suspender o novo acto de protesta da veciñanza de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior contra a política sanitaria do Servizo Galego de Saúde, ao que botan en cara deixar sen médico o centro de saúde de Ponte Sampaio, manter o consultorio de Romariz (Soutomaior) pechado desde hai cinco meses e realizar recortes de servizo que afectan a atención primaria e Pediatría. 

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia e voceiro do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, compareceu este venres ante os medios de comunicación acompañado por integrantes da Plataforma Veciñal de Ponte Sampaio - A Canicouva para dar conta desta protesta finalmente suspendida e do camiño a seguir durante os vindeiros meses tanto pola veciñanza como polo BNG. 

Ademais desta mobilización que pretedía saír da ponte medieval de Ponte Sampaio, para os vindeiros días e semanas teñen xa en mente varias protestas para continuar na liña das xa realizadas nos últimos meses, desde que a Xunta de Galicia optou por pechar os consultorios de Ponte Sampaio e Romariz en plena pandemia. O de Ponte Sampaio abriu de novo, pero sen médico e a veciñanza pensa continuar coas protestas ata que se recupere o servizo. 

De cara a un futuro próximo, barállase unha protesta de maior tamaño con veciñanza de todo o fondo da Ría de Vigo que poña sobre a mesa a situación que se vive tamén noutros concellos próximos como Vilaboa e, a nivel político, Manu Lourenzo anunciou que levará esta situación ao Parlamento de Galicia. 

Na protesta estaba prevista a presenza de veciñanza de Soutomaior, Ponte Sampaio e A Canicouva  e tamén da deputada do BNG e vicepresidenta do Parlamento galego Montse Prado e os concelleiros do BNG en Pontevedra Carme da Silva e Xaquín Moreda. O BNG decidiu finalmente aprazala en sinal de loito polas dúas mulleres asasinadas -irmá e sobrina do autor do crime- e estudará outro día para a súa realización.

Manu Lourenzo lembra que o peche destes dous consultorios obriga á veciñanza destas parroquias a desprazarse varios quilómetros para ter atención médica, cos gastos económicos asociados para pagar taxi ou transporte público e tamén con dificultades en canto á atención, pois moitas veces deben molestar a veciños para que os acompañen e pasan de ter un médico ao carón da casa a ter que acudir ao centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra

No caso de Soutomaior, ademais, a política sanitaria que denuncian o BNG e a plataforma veciñal implica que os pacientes teñan listas de agarda de ata 10 días para unha cita en atención primaria telefónica e afecta á calidade da propia asistencia, facendo que moitos cidadáns teñan que optar por acudir aos servizos de Urxencias ou á sanidade privada. Neste concello, denuncian que hai uns cupos sanitarios desorbitados (1.800 pacientes por médico) e que non se cobren as baixas nin as vacacións dos profesionais sanitarios.

O deputado nacionalista por Pontevedra destacou que a veciñanza afectada está a dar un "exemplo de dignidade e de loita en defensa dos servizos esenciais" ao mobilizarse contra un problema que afecta a 10.000 persoas de Ponte Sampaio e Soutomaior, que "non teñen un servizo sanitario minimamente digno".

Na súa opinión, o Sergas "trata de tapar con escusas técnicas unha cuestión política", que é "o desmantelamento da sanidade pública" e tratar de favorecer a sanidade privada e a resposta que se atopa é que a veciñanza "si da a cara e se está a rebelar contra a situación". 

"Non imos parar, non imos desistir ata que a situación se solucione", asegurou Lourenzo, moi crítico coa "situación vergoñenta" e coa política sanitaria do PP, que "leva no seu ADN" ir en contra da sanidade pública.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora