A XLV Festa do Viño de Barro empeza a preparar os seus caldos

Barro
25 de abril 2024

A través dun bando da Alcaldía, vén de anunciar o período de entrega dos viños caseiros para a posterior celebración das catas. Os viticultores locais que queiran participar poderán entregar nas dependencias municipais as súas elaboracións entre o 14 de maio e o 4 de xuño

Cata de viños caseiros en Barro
Cata de viños caseiros en Barro / Concello de Barro

A XLV Festa do Viño de Barro xa empeza a quentar motores. O Concello xa ten en marcha os preparativos para unha nova edición do evento e, a través dun bando da Alcaldía, vén de anunciar o período de entrega dos viños caseiros para a posterior celebración das catas.

Esta festa conta cun certame da DO Rías Baixas e tamén cun concurso no que se escollen os mellores viños locais elaborados por colleiteiros e colleiteiras seguindo unha tradición secular.

Os viticultores locais que queiran participar poderán entregar nas dependencias municipais as súas elaboracións entre o 14 de maio e o 4 de xuño

O 8 de xuño terá lugar a primeira das catas, cun panel de cata formado por persoas da localidade, no que se determinarán que viños pasan e cales non pasan á cata final.

Na cata final, un elenco de expertos en viticultura escollerá os mellores.

As distintas categorías que se valoran neste concurso son albariño, caíño, branco país, tinto país e elaboracións especiais.

Esta última é unha categoría que se creou nos últimos anos para dar cabida ás elaboracións de altísima calidade que se estaban facendo nas adegas particulares de Barro e ás que o concello quixo dar a coñecer.