A xornalista María Rey amadriña a gran recollida do 2019 do Banco de Alimentos

Pontevedra
15 de novembro 2019

A tradicional iniciativa realizarase os días 22 e 23 de novembro e a institución provincial márcase como obxectivo en Pontevedra superar os 125.000 quilos de comida recadados no 2018

A xornalista María Rey é a madriña da gran recollida do Banco de Alimentos
A xornalista María Rey é a madriña da gran recollida do Banco de Alimentos /

A tradicional campaña de recollida de comida que realiza cada ano o Banco de Alimentos deu este venres o pistoletazo de saída coa presentación da madriña desta edición, a xornalista María Rey.

Esta comunicadora de dilatada traxectoria en televisión, que estivo no almacén da rúa  Faustino Santalices, será a cara visible da gran recollida prevista para os días 22 e 23 de novembro.

"Segue habendo necesidade, angustia e sufrimento en moitos fogares onde a comida básica escasea", declarou a madriña antes de animar á sociedade pontevedresa a colaborar nesta clásica iniciativa.

Durante a visita ao almacén, o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, anunciou que a organización planea mudarse a unha nave con maior capacidade que a actual "porque a necesidade, lonxe de diminuír, segue crecendo", dixo referíndose á zona de Pontevedra e a súa comarca.

A gran recollida deste ano levará a cabo en superficies comerciais de Vigo e Pontevedra, así como nas comarcas do Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza. En Pontevedra e comarca mobilizaranse 500 voluntarios no medio centenar de supermercados e o obxectivo é superar os 125.000 quilos de alimentos recadados na campaña anterior.