A xuíza cita como investigado a Gonzalo Durán por chamar "chacha para todo" a Carmela Silva

Pontevedra
16 de maio 2019

Polo tanto Gonzalo Durán, que aspira a conseguir o seu sétimo mandato consecutivo, deberá comparecer asistido de letrado o próximo día 25 de xuño ante este xulgado  

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa / Mónica Patxot

Un auto emitido pola maxistrada Rosa García, titular do xulgado de instrución número 3 de Pontevedra acorda citar en calidade de investigado ao alcalde de Vilanova de Arousa e candidato á reelección polo Partido Popular, Gonzalo Durán.

O controvertido rexedor popular chamou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "chacha para todo" ao servizo do "anciano alcalde de Vigo". Aquelas declaracións foron respondidas cunha denuncia por incitación ao odio por parte da institución provincial.

A querela foi admitida a trámite e durante o proceso de dilixencias previas o alcalde interpuxo un recurso de reforma que foi admitido, á vez que se lle cita como investigado (antes imputado).

Por tanto Gonzalo Durán, que aspira a conseguir o seu sétimo mandato consecutivo, deberá comparecer asistido de letrado o próximo día 25 de xuño ante este xulgado por un delito, polo momento, "sin especificar".

Non é o único caso que enfronta nos tribunais ao alcalde de Vilanova de Arousa e á institución provincial. Gonzalo Durán tamén recorreu a sentenza xudicial que culpa ao seu concello de fraude de lei respecto a a solicitude dunha axuda á Deputación de Pontevedra para financiar o proxecto do centro de talasoterapia.

A mesma sorte correron outros rexedores populares cuxas demandas tamén foron desestimadas pola Xustiza, como é o caso do alcalde de Sanxenxo Telmo Martín e máis recentemente a apelación interposta polo Concello de Valga.