A Xunta acusa ao alcalde de Ponte Caldelas de non coñecer o seu propio concello

Ponte Caldelas
09 de febreiro 2016

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra entrevistouse co alcalde de Cotobade e aproveitou para pedirlle ao rexedor de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que tome exemplo de Jorge Cubela “e se poña a traballar polo seu concello negociando cos veciños os terreos necesarios para ampliar a PO-232”

Cores Tourís con Jorge Cubela
Cores Tourís con Jorge Cubela / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo este martes unha reunión co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, para abordar as distintas actuacións que se están a impulsar neste concello para mellorar a seguridade viaria.

Neste senso, en primeiro lugar, o alcalde de Cotobade agradeceu a Xunta o investimento de preto de 100.000 euros na mellora de seguridade da estrada PO-232, entre San Xurxo e Carballedo, en Cotobade que o goberno galego pretende licitar proximamente.

Ademais, tamén se falaron das melloras noutras estradas do concello, en especial da PO-234, que une Cotobade e Ponte Caldelas, a través de Augasantas. Neste sentido, Cores Tourís transmitiu a Jorge Cubela o mesmo que xa lle explicou o luns ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, “que é preciso definir e priorizar os treitos nos que é necesario actuar”.

Neste senso, destacou a iniciativa do rexedor de Cotobade quen lle transmitiu a Cores Tourís que xa comezou a traballar para negociar cos veciños a cesión dos terreos necesarios para o ensanche deste vial, xa que a mellora no mesmo tería que pasar pola ampliación dos carrís, xa que o firme se atopa en boas condicións.

José Manuel Cores Tourís agradeceu a Cubela a súa iniciativa, e lamentou que o alcalde de Ponte Caldelas “non faga o mesmo”. O delegado territorial insistiu en que “Andrés Díaz ten que comezar a traballar dunha vez por todas polos seus veciños. Sabe que se quere mellorar esa estrada ten que por a disposición da Xunta os terreos necesarios, algo que non fixo ata o de agora”.

En opinión do delegado territorial, o rexedor de Ponte Caldelas ademais, tamén carece de capacidade de xestión, “o que queda evidenciado en cuestións como a perda da posibilidade de reformar a praza de abastos”.

“É de lamentar que teña tan pouco coñecemento do seu propio concello e que diga que a Xunta non fixo nada polo seu municipio, cando nos últimos anos investiuse no mesmo dende a administración autonómica máis de 12 millóns de euros, incluído o 2015, grazas, sen dúbida, tamén a boa labor do anterior equipo de goberno local, con Perfecto Rodríguez á cabeza”, engadiu o responsable da Delegación Territorial, recordándolle á vez que el non é “un parapeto” da Xunta. “Eu son representante da Xunta que é moi distinto e o meu labor é falar cos alcaldes sobre as necesidades dos seus concellos”.

“É impresentable que un alcalde diga que pesará sobre a conciencia da Xunta os posibles accidentes que se xeren nesa estrada”, rematou Cores Tourís, quen volveu a pedirlle a Andrés Díaz “que comece a traballar polo seu concello e polos seus veciños”.