A Xunta adxudica a primeira fase da estrada entre Antas e Seixido

A Lama
30 de marzo 2018

A intervención se iniciará o vindeiro mes de maio, contando cun prazo de execución de seis meses

Obras no abastecimiento de auga de Antas
Obras no abastecimiento de auga de Antas / Concello da Lama

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras da 1ª fase da mellora na estrada PO-235, entre Antas e Seixido, por un investimento de máis de 450.000 euros.

A actuación adxudicada á empresa Narom S.L., dispón dun prazo de execución de 6 meses e consiste no ensanche e mellora desta estrada en varios puntos entre os núcleos de Antas e Seixido, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

As obras desta primeira fase comprenden a ampliación transversal dos pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para acadar un ancho de 8 metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer beiravías e peitorís de contención. Ademais, mellorarase o trazado das curvas de acceso aos ditos pontóns, ampliando lixeiramente o seu radio.

Por outra banda, tamén se acondicionará a estrada desde a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido. Neste punto ampliarase a sección transversal e estenderase no firme unha nova capa de rodadura. Para a drenaxe da plataforma, ademais de ampliar as obras de drenaxe que resulte necesario, procederase ao tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte conveniente.

Procederase tamén a reposición da rede de saneamento existente no núcleo de Seixido, que se ve afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

Paralelamente, a Xunta avanza na redacción do proxecto da segunda fase das obras, que permitirá completar o acondicionamento da estrada mediante un investimento de 1,5 millóns de euros.