A Consellería de Política Social vén de aumentar o investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes en toda a comunidade, a partires deste mesmo ano, en 10 millóns de euros. Ao abeiro desta medida, sete concellos da bisbarra do Salnés van dispoñer de 22.276 horas máis cada exercicio.
O Concello de Vilagarcía de Arousa vai ser un dos grandes beneficiarios da alza do orzamento do SAF para dependentes de toda Galicia no presente exercicio -que chegará ata os 83,6 millóns de euros- xa que vai recibir un dos maiores incrementos desta prestación en toda provincia posto que recibirá 8.664 horas máis por ano, un 15,2%, ata alcanzar as 65.628.
Ademais da capital do Salnés, Política Social tamén vai conferir outros incrementos desta teleasistencia a outros seis municipios desta bisbarra. Así, O Grove vai dispoñer, dende este mesmo ano, de 7.548 horas máis, unha das subas máis importantes da provincia co 18,5%; Cambados contará cunha alza de 4.968; A Illa de Arousa gañará 840 horas deste servizo; Meaño terá un aumento de 492; Meis o incrementará en 216; e Ribadumia, a falla e que se poidan sumar máis, aumentará en 48.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, informou desta concesión aos alcaldes e concelleiros de Servizos Sociais dos sete concellos beneficiarios desta zona nunha reunión telemática celebrada na xornada deste xoves.