A Xunta anuncia que procederá nun curto prazo a expropiar os terreos para a mellora da PO-308

Poio
07 de maio 2021

O anuncio realízase en resposta a unha pregunta parlamentaria do Grupo dos Socialistas de Galicia, que denuncia os atrasos na execución das sendas proxectadas nunha das estradas con máis tránsito de peóns e vehículos no seu trazado polo concello de Poio

O tenente de alcalde de Poio Gregorio Agís e a parlamentaria socialista Paloma Castro visitan a estrada PO-308
O tenente de alcalde de Poio Gregorio Agís e a parlamentaria socialista Paloma Castro visitan a estrada PO-308 /

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzaba este xoves a aprobación nas próximas semanas do proxecto de mellora da seguridade viaria e a construción dunha senda no treito da estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio. Para esta actuación prevese o inicio en breve das expropiacións, que serán elevadas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

Desta maneira, dábase resposta a unha pregunta parlamentaria realizada polo Grupo dos Socialistas de Galicia, representado pola deputada Paloma Castro. Desde a Xunta infórmase de que a obra neste treito seguirá un procedemento similar ao do tramo O Covelo-Raxó, no que ademais de executar unha senda se actuou para reforzar a seguridade viaria, ao ser unha zona identificada como de concentración de accidentes.

Os socialistas critican que das tres sendas comprometidas pola Xunta para a PO-308 só estea rematado o treito O Covelo-Raxó. Castro acusou á Xunta de penalizar a Poio ao paralizar a mellora da seguridade na estrada PO-308, que leva 3 anos agardando polo investimento anunciado. A parlamentaria lembra que se trata dunha estrada cun alto tránsito tanto de vehículos como de peóns, máis intenso na tempada estival, ademais de ser unha das vías con maior número de accidentes e que atravesa diferentes núcleos de poboación.

Tras o anuncio do próximo inicio das obras na senda Fontenla-Combarro, restaría unha última actuación correspondente ao treito Combarro-Chancelas-Samieira. Sobre esta última vía, o director da Axencia Galega de Infraestruturas apuntou que o proxecto será sometido neste ano a un segundo proceso de información pública, unha vez mellorado como consecuencia das alegacións recibidas na primeira fase de exposición.