A Xunta arquiva o expediente sancionador aberto polo 'tentadero' taurino de Moraña

Umia
26 de xaneiro 2018

O deputado do BNG Luís Bará amosouse este venres moi crítico co goberno da Xunta de Galicia e considera que o arquivo constata a intención do goberno autonómico de "tapar as irregularidades cometidas pola entidade organizadora e do propio Concello de Moraña"  

Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego
Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento galego / PontevedraViva

O deputado do BNG Luís Bará amosouse este venres moi crítico co goberno da Xunta de Galicia despois de saber que arquivou o expediente sancionador aberto contra a entidade organizadora do 'tentadero' taurino celebrado o pasado setembro en Moraña e contra o propio Concello.

Bará formulou unha pregunta ao goberno sobre os trámites do  expediente sancionador pasados os tres meses da presentación da denuncia. Xusto despois da denuncia nacionalista, o director Xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, avanzou que se abriría un expediente ao respecto porque a Xunta de Galiza non autorizou o espectáculo taurino. Agora, de novo a preguntas do BNG, o mesmo responsable autonómico confirmou o arquivo do expediente. 

Para Luís Bará, este arquivo constata a intención da Xunta de "tapar as irregularidades cometidas pola entidade organizadora e do propio Concello de Moraña" e demostra, unha vez máis, a "complicidade" do PP coa organización e promoción de espectáculos taurinos alleos á tradición cultural galega.

O parlamentario do BNG tamén acusou ao PP de non cumprir a lei e destinar fondos públicos a eventos  contrarios á recente lei aprobada para a protección de animais. Pese ao arquivo do expediente, insistiu na "ilegalidade" do espectáculo, que non contou nin con servizo médico nin control para a entrada de menores. 

Bará tamén insistiu en que este espectáculo supón "maltrato animal" e pediu que no futuro estes eventos non sexan autorizados, fomentados e patrocinados con fondos públicos.