Ou tentadero taurino ou axuda da Deputación

Umia
25 de agosto 2017

A Deputación considera que a celebración do espectáculo taurino que anuncia a asociación Romaría Cabalar de Moraña vulnera o motivo polo que se lle concedeu a subvención na institución provincial

Tentadero taurino
Tentadero taurino / Flickr

Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial afirmou que o seu departamento non admitirá baixo ningún concepto que se financien actividades e eventos que leven malos tratos aos animais, e menos cando se tentou coalos a través de "certa picaresca" nas subvencións do Ano do Patrimonio.

Así de claro manifestábase ante a polémica que xurdiu con motivo da inclusión dun tentadero taurino nos eventos da XXI Romaría Cabalar de Moraña.

O deputado sinala que a inclusión posterior da actividade vulnera o sentido da liña de axudas e afirma que xa se trasladou á asociación que a celebración dese tentadero taurino levaría a denegación da axuda. "Agora está na súa man celebralo ou non", afirmou Leal.

Desde a Deputación indícase que a institución é contraria ás corridas de touros e un acordo plenario impide que os fondos provinciais dean calquera tipo de soporte a este armazón.

A asociación, segundo o deputado, presentara unha solicitude para celebrar unha romaría que fomentaba a cultura e tradición ecuestre na que non figuraba ningunha actividade con touros e todas estaban relacionadas con rutas, exhibicións e concursos de cabalos. A Deputación concedéralle unha axuda de 1.029 euros, que non recibirá se se inclúe a celebración do tentadero taurino.