A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Asociación Animalista Libera cuestionan a "lentitude" administrativa á hora de tramitar a denuncia que presentaron fai xa tres meses sobre a realización dun 'tentadero' taurino no municipio de Moraña.
Animalistas e abolicionistas cuestionan que se estea tardando xa máis de tres meses en abrir o preceptivo expediente sancionador, "tendo en conta as probas achegadas" no escrito remitido á delegación territorial da Xunta de Galicia, e a polémica que xerou o asunto.
Libera e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas instan á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a realizar un exercicio de transparencia, publicando o estado da denuncia realizada e sancionando de maneira exemplar aos organizadores.
O asunto chegou mesmo ata o Parlamento de Galicia en forma de pregunta oral do deputado do BNG Luís Bará, que criticou duramente a permisividade do executivo autonómico cun evento taurino que non contaba con autorización nin medidas de seguridade suficientes. Cuestionaba tamén que mesmo asistiu a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro (PP) e o máximo responsable da asociación cabalar, que se tratou de desmarcar da organización.
"Falta unha maior eficacia por parte da Xunta", denuncian e engaden que durante o 'tentadero' impediuse o acceso a varias persoas pola súa posición política discrepante cos promotores, mentres que non houbo problema algún en fomentar a presenza de menores de idade.