Luís Bará critica a organización dun "tentadero" en Moraña con apoio da alcaldesa

Umia
22 de setembro 2017

O director xeral de Emerxencias confirmou ao BNG en comisión parlamentaria que a Xunta de Galicia non autorizou o espectáculo taurino de Moraña e que vai investigarse

Touro
Touro

O deputado nacionalista e concelleiro do BNG en Pontevedra, Luís Bará, denunciou este venres a través dunha pregunta parlamentaria o apoio do goberno municipal do Partido Popular en Moraña a un espectáculo taurino que se celebraba o 3 de setembro nesta localidade.

Segundo expresou o deputado, a alcaldesa e o grupo municipal de goberno acudiron a este evento que publicamente foi presentado como un "tentadero".

O director xeral de Emerxencias, Luís Menor, recoñeceu nesta comparecencia que a Xunta de Galicia non autorizara este espectáculo taurino e por este motivo, abriuse un expediente de investigación, despois de que os colectivos 'Galiza, mellor sen Touradas' e a 'Asociación Animalista Libera' presentasen denuncias.

Luís Bará reclamou unha sanción contundente e e sinalou que os espectáculos taurinos non teñen que ver coa tradición cultural de Galicia, co agravante de que se permite o acceso a menores de idade.

A asociación animalista Libera indica que o que se anunciou como un "tentadero", de carácter privado, converteuse nunha capea. Este colectivo lembra que a Xunta de Galicia tivo a oportunidade de acabar con estes espectáculos salvaxes coa tramitación do proxecto de Lei de Benestar Animal de Galicia, no que finalmente se exclúe aos bóvidos de lida do seu ámbito de protección.