A Xunta asumirá as alegacións de Pedaladas para mellorar a senda da Seca a Combarro

Poio
16 de febreiro 2018

Tras a reunión do pasado día 12 co director da AXI, Francisco Menéndez, os técnicos da Xunta confirmaron que habería modificacións neste proxecto que ten a consideración de "Ruta Ciclista protexida da DXT"

Ciclista atropelado na PO-308 en Poio
Ciclista atropelado na PO-308 en Poio / Asociación Pedaladas

O colectivo ciclista Pedaladas asegurou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) modificará o proxecto de Senda entre A Seca e Combarro atendendo ás alegacións presentadas por esta asociación ao proxecto de Seguridade Viaria da PO-308.

Tras a reunión do pasado día 12 co director da AXI, Francisco Menéndez, os técnicos da Xunta confirmaron que habería modificacións neste proxecto que ten a consideración de "Ruta Ciclista protexida da DXT".

A maioría das alegacións de Pedaladas foron aceptadas, as máis importantes:

  • Elimínanse as balizas que dificultan a circulación en bicicleta.
  • Vai crear unha beiravía transitable na subida desde a praia de Areas para reducir o risco de alcance e contará con máis de 1 metro de sección.
  • Vai sinalizar a presenza de ciclistas e a obrigatoriedade de separarse lateralmente 1.5 m nos adiantamentos.
  • Auméntanse os tramos limitados a 50 qm/h.
  • Créanse pasos de peóns e mellórase a accesibilidade peonil.
  • Nas interseccións vai ter en conta a seguridade dos ciclistas mantendo beiravías e retranqueando illotes.

Pedaladas valora "moi positivamente" a reunión con Francisco Menéndez e o "espírito dialogante e aberto" da mesma. A asociación Pedaladas vendo esta boa acollida continuará facendo alegacións para mellorar os proxectos nos "TCA Tramos de Concentración de Accidentes" e nos proxectos das "Sendas compartidas" con respecto á seguridade dos ciclistas deportivos, a accesibilidade e as melloras de uso por parte dos ciclo turistas e familias que se despracen en bicicleta nas estradas da ría de Pontevedra.