A Xunta autoriza a nova unidade de estimulación para persoas con alzhéimer de Moraña

Umia
04 de abril 2022

O alcalde de Moraña, José Cela, informaba este luns que a Consellería de Política Social vén de adxudicar a unidade de estimulación terapéutica para persoas con alzhéimer na Casa de Alende, situada na parroquia de Santa Xusta

O alcalde de Moraña, José Cela, e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, visitan a Casa de Alende
O alcalde de Moraña, José Cela, e o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, visitan a Casa de Alende / Concello de Moraña

O alcalde de Moraña, José Cela, informaba este luns que a Consellería de Política Social vén de adxudicar a unidade de estimulación terapéutica para persoas con alzhéimer na Casa de Alende, situada na parroquia de Santa Xusta. O servizo será realizado por Afapo (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias da provincia de Pontevedra).

O rexedor visitaba recentemente as instalacións, nas que a Xunta realizou un investimento de 200.000 euros para adaptalas ás necesidades desta unidade de atención, pública e gratuíta, acompañado do representante de Afapo, José Manuel Fontenla, para ver in situ as necesidades de cara á posta en marcha da unidade, que contará con 10 prazas dispoñibles.

O seguinte paso será que a Xunta de Galicia, a través da Lei de Dependencia, se poña en contacto con aquelas persoas que teñan dereito a este servizo en función do grao que teñan recoñecido, para que pouco a pouco se vaian ocupando as prazas.

O obxectivo deste centro será o de ofrecer servizos de prevención das situacións de dependencia, apostando pola estimulación terapéutica das persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. Para este fin, as persoas responsables de levar adiante a unidade utilizarán técnicas dirixidas ao adestramento nas actividades da vida diaria (AVD), axudarán á estimulación cognitiva e ofrecerán terapia ocupacional, atención psicolóxica, logopedia e actividades de lecer e tempo libre.

"Debemos ter en conta que o alzhéimer é unha das maiores causa de discapacidade en persoas maiores. Un 5% da poboación maior de 60 anos o padece, porcentaxe que chega ao 20% no caso de maiores de 80 anos" sinalaba o alcalde.

José Cela incidía na súa reunión con Afapo nesa necesidade de traballar desde a prevención, "como un paso previo fundamental que nos permita ralentizar determinadas situacións de neurodexeneración e, sobre todo, facer un seguemento ás persoas que o precisan".

NECESIDADES DE PERSOAL

Por outra banda, esta nova unidade terapéutica tamén suporá unha oportunidade laboral, xa que Afapo precisará contratar a persoal técnico, das ramas de Educación Social, Terapia Ocupacional ou Logopedia, e a unha persoa auxiliar dos ámbitos da Psiquiatría ou de Enfermería, que conte cun certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes.

O traballo é de 46 horas mensuais, que son as que coinciden coa duración dos obradoiros. Calquera persoa interesada que cumpra cos requisitos poderá poñerse en contacto con Afapo no correo electrónico [email protected] ou nos teléfonos 986160442 e 986842141.