A Xunta concede axudas para a mellora dos parques empresariais da Lama, Campo Lameiro, Sanxenxo, Meaño e Cambados

Umia
12 de abril 2023

As axudas eran de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto e podían presentarse dúas solicitudes por concello. A mellora de infraestruturas viarias foi a actuación máis demandada

Parque empresarial de Nantes en Sanxenxo
Parque empresarial de Nantes en Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Xunta de Galicia informa da resolución das axudas para a mellora de parques empresariais da Lama, Campo Lameiro, Sanxenxo, Meaño e Cambados, todos eles Concellos Emprendedores. Son cinco proxectos nos que se investirán 460.000 euros.

As axudas eran de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto e podían presentarse dúas solicitudes por concello.

A mellora de infraestruturas viarias foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.

O polígono de Racelo, no concello da Lama, recibe 41.621 euros para a mellora de infraestruturas viarias interiores.

O polígono de Sete Pías-Oubiña, en Cambados, obtén unha achega de 86.594 euros para dotación de infraestruturas.

En Campo Lameiro, o polígono da Facha, ten unha axuda de 41.257 euros para o  almacenamento de residuos. 

En Meaño, o polígono da Pedreira, recibe 42.909 euros destinados á ampliación da rede de saneamento.

E o parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo, consigue 120.000 euros para a instalación de luminarias led.

Esta liña complementa as medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.