A Xunta construirá un parque biosaudable en Xesta, na Lama

A Lama
26 de agosto 2019

A instalación implantarase no lugar de Eido de Abaixo e contará con xogos, mesas, bancos, asador e unha pérgola

Traballos para a instalación dun parque biosaudable en Sear
Traballos para a instalación dun parque biosaudable en Sear / Concello de Sanxenxo

O lugar de Eido de Abaixo, na parroquia de Xesta na Lama, contará cun novo parque biosaudable valorado en 55.000 euros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o proxecto que consistirá na creación dunha zona de recreo de máis de 1.100 metros cadrados equipada con xogos para adultos, mesas, bancos, fonte, asador e unha pérgola.

Esta actuación executarase a cargo dun convenio de colaboración entre o Concello, que achega un 30 % do orzamento total, e a Xunta, que achega os fondos restantes. 

A elección de Xesta como a parroquia elixida para instalar este parque débese a que é unha das zonas da Lama que maior crecemento poboacional experimenta durante os meses de verán pola chegada de veciños emigrados.