A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este venres no Diario Oficial de Galicia as convocatorias, para o día 12 de xullo e para o día 11 de outubro, dos actos expropiatorios para executar as obras do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na estrada autonómica PO-546, en Pontevedra. Do mesmo xeito, inicia o mesmo trámite para executar outros dois aparcadoitos na comarca do Salnés.
No caso da PO-546, o novo aparcadoiro situarase entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo. As obras están xa licitadas e en fase de análise das 7 ofertas presentadas por empresas, e suporán un investimento de preto de 350.000 euros para comezar os traballos tras o verán, cun prazo de execución de 12 meses.
Este parking terá unha superficie total de 2.465 metros cadrados e habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería.
No caso dos aparcadoiros deseñados no Salnés, o orzamento ascende ao millón de euros. Construirase un aparcadoiro no concello de Vilagarcía de Arousa e outro no municipio de Ribadumia que sumarán, en conxunto, 136 prazas de estacionamento. As obras xa foron licitadas e están actualmente en fase de análise das ofertas presentadas polas empresas.
O obxectivo da Xunta é comezar tras o verán os traballos de execución destes dous aparcadoiros, cun prazo de 5 meses.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación dos terreos para a execución do aparcadoiro disuasorio en Vilagarcía de Arousa están convocados para o 22 de xuño, das 10 ás 10.15 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 21 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar. En Ribadumia terán lugar o 5 de xullo á mesma hora e formalizaranse as actas o 4 de outubro.
As obras do aparcadoiro de Vilagarcía de Arousa desenvolveranse nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade Cambados-Vilagarcía (VG-4.3) e da N-640, no lugar de Coruxo. O segundo aparcadoiro situarase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, en Ribadumia.