COVSA construirá o aparcadoiro disuasorio de Lourizán por 304.000 euros

Pontevedra
18 de outubro 2023

O novo equipamento construirase na vía autonómica, no tramo entre o acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección co núcleo do Rozo. Habilitaranse un total de 71 prazas, das que 2 se reservan para persoas con mobilidade reducida

Traballador da empresa COVSA
Traballador da empresa COVSA

A Xunta vén de adxudicar á empresa Construcciones, Obras y Viales S.A (COVSA), por máis de 304.000 euros, as obras dp aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-546 en Lourizán.

Este aparcadoiro estará situado entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección co núcleo do Rozo da estrada de conexión da PO-546, máis coñecida como a estrada vella de Marín a Pontevedra.

Este novo equipamento contará cunha superficie total de 2.465 metros cadrados.

Habilitarase un total de 71 prazas de estacionamento en batería e dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.

A Xunta considerou "idónea" esta ubicación "ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións tanto de "carpooling", como vinculado ao uso do transporte público".

O "carpooling" é unha práctica moi habitual na que varias persoas utilizan un vehículo común para viaxar cara ao mesmo destino, para evitar o uso innecesario de máis automóbiles.

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.

O aparcadoiro terá un deseño lineal de única dirección e sentido, paralelo ao viario adxacente, dispoñendo de xiros unicamente nos puntos de conexión coa estrada PO-546. A actuación compleméntase coa dotación de alumeado público, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación na contorna.

Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.