Andainas de Outono, dúas rutas para coñecer a pé a riqueza ambiental de Marín

Marín
19 de outubro 2023

Se fará a primeira o 29 de outubro, seguindo o roteiro Montes e Praias e a seguinte será o 5 de novembro polos Cinco Miradoiros

A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentou as 'Andainas de Outono'
A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentou as 'Andainas de Outono' / Concello de Marín

A concelleira de Turismo, Cristina Acuña, presentou a primeira ruta do que serán as Andainas de Outono, un ciclo de sendeirismo municipal para coñecer algunhas das rutas incluidas no programa 'Marín a Pé', e que permiten "coñecer a nosa vila camiñando dun xeito saudable, sostible e moi agradecido".

A primeira das rutas será a de Montes e Praias, o domingo 29 de outubro, con saída ás 09.00 horas da Alameda Rosalía de Castro. Trátase dun percorrido circular de 15 quilómetros, cun desnivel de 441 metros no que haberá avituallamento para todas as persoas participantes. É preciso inscribirse con anterioridade.

Algúns dos puntos de interese que percorre esta ruta son o Lavadoiro do Souto, o Cruceiro do Vento, o Castro da Subidá, o Menhir de Currás, a Igrexa de Santa María do Campo, os Muíños do Río Loira, as praias de Loira, Mogor, Aguete e Portocelo, así como os petróglifos de Mogor.

Tal e como explicou a concelleira, "queremos que tanto os marinenses como as persoas que son de fóra coñezan Marín en todo o seu esplendor camiñando, pasando polos lugares máis espectaculares que temos e apostando por unha xornada de aventura e de sendeirismo activo".

A seguinte saída será o 5 de novembro, seguindo o roteiro dos Cinco Miradoiros, para a que tamén será preciso inscribirse.