A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se convoca, en novembro e decembro, aos titulares dos terreos necesarios para executar a senda entre Mollavao e Os Praceres.
Esta intervención, que se desenvolverá na estrada vella de Marín, a PO-546, prevé un investimento de máis de 6,8 millóns de euros, tendo en conta as expropiacións e servizos afectados, e licitarase antes de finais de ano.
Tal e como recolle o DOG deste martes, o levantamento das actas previas á ocupación terá lugar o 21 e o 22 de novembro de 10 a 13 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para a súa formalización, convócase aos propietarios o 20 de decembro, de 10 a 14 horas, no mesmo lugar.
Executarase un itinerario de 3,5 km co fin de transformar a estrada nunha rúa e mellorar a súa funcionalidade, facilitando o tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.
Construirase unha glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade.
O Goberno galego destina un investimento global de preto de 10 millóns de euros para transformar a antiga estrada entre Pontevedra e Marín nunha gran senda de mobilidade sostible.