A xunta de persoal de funcionarios municipais pide a negociación do novo organigrama interno

Pontevedra
08 de xaneiro 2018

Indican que se entregou con seis meses de atraso o estudo de funcións e valoración de postos de traballo, realizado por unha consultora privada. Os representantes sindicais entenden que esta proposta incrementa as diferenzas salariais

Os policías locais doan sangue para reivindicar ao goberno local negociacións retributivas
Os policías locais doan sangue para reivindicar ao goberno local negociacións retributivas / Mónica Patxot

O goberno local de Pontevedra entregaba a finais de ano o estudo de organigrama, funcións e valoración de postos de traballo municipais. Un traballo realizado pola empresa JL Tudo Consulting. Este documento non é apoiado pola maioría sindical da xunta de persoal que elaborou un escrito no que afirma que ese estudo chega con máis de seis meses de atraso, malia que á empresa se lle adxudicou o contrato por ofrecer unha mellora no prazo de execución.

Héctor Santaló, secretario da xunta de persoal, indica nun escrito que o diagnóstico que realiza esta empresa é máis político que técnico, sobre todo na asignación de funcións, na creación de novos postos de traballo con niveis profesionais medios e complementos salariais altos e, sobre todo, na actualización e equiparación salarial que aplica subidas salariais ao persoal eventual de confianza mentres que os postos con menor salario reciben escasa consideración.

Os sindicatos CC.OO., UXT e AFUMPO cren que este organigrama non elimina desigualdades e aumenta a brecha salarial entre o complemento específico máis baixo, de 8.977 euros anuais, e o máis alto, que ascende a 37.461 euros sen atender ás funcións ou á organización dos diferentes servizos necesarios para mellorar a actividade da administración.

Sinalan que non se teñen e conta as necesidade urxente de aumentar o persoal para servizos como Policía, Bombeiros, cemiterios, servizos sociais ou deportes. Os sindicatos aseguran que nestes departamentos realízanse numerosas horas extra.

JL Tudo Consulting tamén propón unha estrutura organizativa "case idéntica á actual", apuntan desde a xunta de persoal, desde onde tamén se critican os fundamentos da valoración "subxectiva" dos postos.

Ante esta situación, os representantes dos traballadores municipais esixen que o goberno local propoña de forma urxente un calendario de reunións de negociación coas organizacións sindicais para mellorar o documento presentado. Tamén esixen que se apliquen as clausulas contractuais do convenio con JL Tudo Consulting e que se lle penalice polo atraso na presentación do estudo. Alegan que este atraso pode provocar que non se aprobe o estudo neste mandato.