A Xunta e a Deputación colaborarán na prevención e defensa fronte os incendios forestais

Pontevedra
02 de febreiro 2024

A finalidade desta cooperación é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal no territorio provincial 

Limpeza nas marxes das estradas autonómicas
Limpeza nas marxes das estradas autonómicas / Xunta de Galicia

A Xunta subscribirá coa Deputación de Pontevedra un protocolo de colaboración en materia de defensa e prevención de incendios forestais que estará vixente ao longo de todo o ano 2024 e do que tomou razón este xoves o Consello do Goberno galego. 

Este acordo ten un orzamento máximo de 600.000 euros, que serán achegados a partes iguais por cada unha das administracións asinantes. 

A finalidade do protocolo é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, co fin de dotar de medios materiais a distintos concellos da provincia de Pontevedra. 

Así, prevese a adquisición de maquinaria para a prevención e a defensa contra os incendios forestais, a cesión deste material titularidade da Deputación provincial e a formación especializada do persoal dos concellos no uso de maquinaria de prevención a través do Centro Integral de Loita contra o Lume, que se localiza no municipio ourensán de Toén e que depende da Xunta. 

O protocolo de colaboración coa Deputación xustifícase no feito de que as entidades locais teñen atribuídas competencias en materia de protección do ambiente, protección civil, prevención e extinción de incendios e conservación de camiños e vías rurais, segundo o disposto nas leis de administración local de Galicia e reguladora das bases de réxime local. 

Así, de acordo co previsto nesta última, correspóndelle á provincia asegurar a prestación integral e adecuada, na totalidade do territorio provincial, dos servizos de competencia municipal.

Por outra banda, a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece que as administracións públicas de Galicia colaborarán entre si e cooperarán nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais, achegando os medios materiais, económicos e humanos á súa disposición.