A Xunta e a Deputación incrementan o orzamento do consorcio provincial contra incendios

Pontevedra
17 de outubro 2019

As contas, que manteñen a liña do esforzo inversor deste ano, ascenderán a 3.780.100 euros o que supón un incremento dun 2,13% con respecto a 2019

Pleno do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento
Pleno do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento / Deputación de Pontevedra

O pleno do consorcio provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra, e participado ao 50% pola institución provincial e ao 50% pola Xunta de Galicia, aprobou por unanimidade o orzamento para o vindeiro ano 2020.

A sesión deu o visto bo ás contas que ascenderán ata os 3.780.100 euros, un 2,13% máis que este ano 2019, un orzamento nivelado tanto no estado de gastos como no capítulo de ingresos.

Á sesión plenaria asistiron, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, por delegación da Vicepresidencia da Xunta, e as persoas representantes de ambas as dúas institucións, os deputados Carlos Font e Santos Héctor, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

No orzamento de 2020 o capítulo de investimentos increméntase ata un 8,3% e estará destinado fundamentalmente a melloras nas instalacións dos parques da provincia, á adquisición de material técnico de intervención e á compra dun vehículo FSV, con capacidade de intervención en núcleos de acceso complicado, onde os vehículos de primeira saída non poden acceder con facilidade polas súas características e dimensións.

O pleno deu tamén luz verde ás bases de execución, o cadro de persoal e de retribucións para o vindeiro ano, así como o informe de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e límite da débeda.

Por outra banda, na sesión tamén se aprobou por unanimidade a cesión gratuíta de 40 cascos de protección á Asociación Provincial de Agrupacións e Asociacións de Persoas Voluntarias de Protección Civil de Pontevedra.

Finalmente, deuse conta dos informes de intervención sobre o período de pago a provedores nos meses de abril a setembro que melloraron a súa ratio, sempre dentro dos parámetros que marca a lei, esforzo que foi destacado no pleno, enmarcado no código de boas prácticas e de boa xestión económica do organismo.