A Xunta estima que as obras de mellora da EDAR de Praceres comezarán en abril

Pontevedra
24 de febreiro 2020

Así o explicaron a PontevedraViva fontes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que lembra que nesta ampliación a Xunta de Galicia investirá máis de 16,5 millóns de euros para mellorar a capacidade de depuración destas instalacións

Instalacións da depuradora dos Praceres desde a avenida de Marín
Instalacións da depuradora dos Praceres desde a avenida de Marín / Nacho Fuentes

Se as previsións do goberno galego se cumpren, as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres poderán arrancar en abril.

Así o explicaron a PontevedraViva fontes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que lembra que nesta ampliación a Xunta de Galicia investirá máis de 16,5 millóns de euros para mellorar a capacidade de depuración destas instalacións.

As obras, que executará a compañía Acciona, permitirá que a depuradora de Pontevedra alcance unha capacidade de depuración de 51.840 metros cúbicos diarios, suficientes para atender a unha poboación duns 150.000 habitantes.

A duración destes traballos estimábase nuns 27 meses, aínda que parte deste prazo xa se cumpriu. O contrato entre a Xunta e Acciona, asinado o pasado mes de novembro, recollía que a compañía tiña un prazo de tres meses para presentar o proxecto de obra.

A partir de aí, a empresa terá doce meses para a súa execución e outros doce para a posta en marcha dos novos tratamentos da auga e os lodos xerados na depuradora.

Esta actuación permitirá mellorar a depuración das augas residuais dos municipios de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa. A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente para garantir a adecuada depuración de ata 900 litros por segundo de auga residual. 

Esta actuación completarase coa construción dun novo emisario submarino.

Esta obra enmárcase, destaca o goberno galego, entre as súas prioridades en materia hidráulica, ao ser imprescindible actuar para garantir a recuperación ambiental das augas, a produtividade marisqueira e a actividade turística, co obxectivo de cumprir os límites de vertedura marcados pola Unión Europea.